Preto de 210 alumnos participaron nos talleres 'Resolución de conflitos' e 'Manexando as miñas emocións' organizados polo Concello do Grove
Fecha: 2014-03-27
-
O obxectivo é facilitar unha axeitada xestión das emocións e que adquiran valores de respecto e cidadanía cívica
-
As actividades desenvolvéronse nos colexios Valle-Inclán e Rosalía de Castro
Un total de 210 alumnos dos colexios Rosalía de Castro e Valle-Inclán participaron nos talleres “Resolución de conflitos” e “Manexando as miñas emocións”, organizados polo Concello do Grove, a través das concellerías de Benestar e de Educación, e que están incluídos na guía escolar O Grove Educa. As actividades, totalmente gratuítas para os centros e o seu alumnado, estiveron impartidas polo departamento de Educación Familiar do concello.
A actividade “Manexando as miñas emocións” levouse a cabo en ámbolos dous centros entre o alumnado de 3º e 4º curso. É un taller dirixido a facilitar aos participantes unha axeitada xestión das emocións, dotándoos dos recursos necesarios para manexalas e canalizalas dunha forma adecuada a cada situación. Tamén aprenderon a identificar as emocións das persoas que lles rodean. O alumnado traballou, a través dunha dinámica participativa, a identificación de emocións como a rabia, o medo, a ansiedade... como primeiro paso para xestionalas adecuadamente.
No que respecta ao taller “Resolución de conflitos”, levouse a cabo entre o alumnado de 6º curso do colexio Valle-Inclán. Neste caso, o obxectivo da actividade é aprender a convivir co conflito e afrontalo de maneira construtiva, e que o alumnado adquira valores de respecto e cidadanía cívica, e desenvolvan estratexias aplicables á súa vida diaria.
Os dous talleres están incluídos na guía O Grove Educa deste curso, coordinada pola Concellería de Educación. O obxectivo desta guía é reunir, nun só documento, toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. Trátase dun documento que recolle todas as actividades que as diferentes concellerías ofrecen para o alumnado grovense, dentro e fóra das aulas.