A Rede de Bibliotecas do Grove celebra a chegada da primavera cunha ampla programación de actividades
Fecha: 2014-03-27
- O programa “Unha Primavera de contos” inclúe varias propostas para todas as idades
Esta primavera os contos florecerán na Rede de Bibliotecas do Grove, que vai celebrar estes meses cunha importante proposta de actividades destinadas a todos os públicos e que van ter lugar nas dúas bibliotecas da Rede.
“Unha primavera de contos” conta cunha variada programación de actividades que pretenden espertar o gusto pola lectura, experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e espertar a imaxinación e a creatividade dos usuarios:
Conto contigo, a cargo de Expresión Produccións.
Sábado 29 de marzo na Axencia de lectura de San Vicente
Para nenos e nenas a partir dos 4 anos acompañados dos seus familiares. Expresión Produccións achegará ata a Axencia de Lectura de San Vicente un espectáculo de animación a lectura con contacontos, monicreques e maxia; interactivo, dinámico e moi divertido. Ademais de contos, trabalinguas, cancións, participación con concursos etc.
Bibliopeques
Xoves 3 de abril na biblioteca municipal do Grove
Actividade dirixida aos nenos e nenas de educación infantil do Monte da Vila que busca espertar o seu interese pola lectura e crear neles o hábito de visitar a biblioteca.
Merenda con pan de millo, a cargo de Migallas teatro
Domingo 6 de abril na biblioteca municipal do Grove. Para todos os públicos a partir de 4 anos.
Migallas teatro ofreceranos un espectáculo baseado no libro-disco Pan de millo, coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: “Pinocho”, Pan de millo, O piollo e a pulga “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña “Abuela Manuela”. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.
Cóntasme un conto? Obradoiro de contacontos para pais e nais
Sábado 12 de abril na biblioteca municipal do Grove
Cóntasme un conto? é un obradoiro de contacontos dirixido aos pais e nais no que aprenderán a elixir os contos apropiados para os seus fillos, a utilizar diferentes recursos expresivos para a narración, a coñecer diferentes técnicas para contar…
Mentres as nais e pais asisten ao obradoiro, os nenos e nenas asistiran a unha divertida sesión de animación á lectura a cargo do persoal da Rede de bibliotecas do Grove.
Biblioarte
O 15 de abril celébrase o Día mundial da Arte e a Rede de Bibliotecas do Grove realizará unha exposición bibliográfica de libros de arte e preparará un sorteo de libros sobre esa temática entre todos os usuarios que utilicen o servizo de préstamo o día 15 de abril.
Nanoteatro, a cargo de María Rodríguez Salgueiro
Mércores 23 de abril na biblioteca municipal do Grove
Para conmemorar o 23 de abril, a Biblioteca organiza este entretido espectáculo de nanoteatro para todos os públicos, no que os asistentes gozarán coas aventuras de Matilda e Papamedos.
Aventuras na cociña, a cargo de Trinketrinke teatro
Sábado 3 de maio na biblioteca municipal do Grove
Aventuras na Cociña é un contacontos teatral protagonizado polos Ratos da Biblioteca cuxos obxectivos son promover hábitos saudables na alimentación dende os contos e fomentar o uso da biblioteca e a lectura.
Triquitraque–Traquetriqui, a cargo de Charo Pita
Sábado 10 de maio na biblioteca municipal do Grove
Espectáculo orientado a bebés de 0 a 3 anos acompañados dos seus familiares. Palabras, trabalinguas, historias, algún silencio, libros, xogos co corpo, cancións de arrolo, sons sorprendentes, e todo un triquitraque (ou un trocatriqui) para que na biblioteca os que dormen no berce tamén poidan gozar coas historias no colo de aqueles que ben os queren.
Cantacontos a cargo de Raquel Galávís
Venres 16 de maio na biblioteca municipal do Grove
Os cantacontos farannos bailar, cantar, contar e soñar o ritmo da guitarra, do bater das palmas e do latexar do corazón. Unha actividade para compartir todos xuntos, participando cos pés, coas mans, cos propios ritmos.
A volta ao mundo en oito máquinas, a cargo de Polo Correo do Vento
Sábado 24 de maio na Axencia de lectura de San Vicente
Polo Correo do Vento, homenaxeará Jacques Tati, un dos seus autores favoritos, nunha divertida sesión de Contos Ilustrados a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada.
Contos tradicionais
Durante os meses de marzo, abril e maio as actividades de “Coñecendo e gozando a biblioteca” estarán centradas no coñecemento dos contos tradicionais e clásicos.
Debido a que as prazas son limitadas, é necesaria inscrición previa para todas as actividades.