Programa 'A noite é nova' e 'La casa de las ideas'
Fecha: 2014-04-11
A Concellería de Xuventude e Deportes do Concello do Grove organiza, un ano máis o Programa A Noite é Nova, co fin de ofrecerlle á mocidade unha alternativa nocturna de ocio saudable.
Ademais desta concellería tamén colaboran varios colectivos nesta programación. Neste mes serán a Asociación Arqueiros da Canteira e a Asociación A Figheira do Meco as que ofrecerán as actividades de tiro con arco e a proxección da película Centenario de Charlot, respectivamente. Aqueles colectivos que queiran presentar as súas propostas para maio e xuño poden facelo pasando pola OMIX (Casa Azul) ou falando co técnico de deportes.
O resto de actividades das que poderá gozar todo o público que se achegue ao pavillón organízanse grazas a un grupo de 18 rapaces e rapazas que están facendo as prácticas do curso de monitores de tempo libre, cos cales esta concellería se compromete a ofrecerlles todas as posibilidades para obteren as 150 horas de prácticas para conseguir o título oficial de monitor que concede a Xunta de Galicia.
Estes mesmos monitores son os autores dunha iniciativa totalmente pioneira que se chama “La Casa de las Ideas”, un local da rúa Castelao, 38, aberto a calquera actividade artística, cultural e de ocio, actividades programadas ou improvisadas onde calquera persoa que queira participar pode facelo pasando directamente polo local ou chamando previamente ao teléfono 699 397 522 ou pasando pola OMIX (Casa Azul), teléfono 986 730 609.
“La Casa de las Ideas” estará aberta desde o 16 ao 20 de abril de 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 00.00 e tamén dedicará talleres para os rapaces, sobre todo en horario de mañá.
O programa de A Noite é Nova abarcará tamén os meses de maio e xuño, que dentro duns días anunciaremos. As actividades realizaranse entre as 10.00 e a 1.00 no pavillón de deportes e mais na casa da cultura.
As actividades son totalmente gratuítas e están abertas para todos os públicos.