Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Comeza unha nova edición dos talleres de técnicas de estudo postos en marcha pola concellería de educación

Fecha: 2014-05-02

Son gratuítos e están destinados para o alumnado e os seus pais ou nais

Forma parte dun paquete de accións destinadas a mellorar o rendemento académico e reducir o fracaso escolar

 

A Concellería de Educación do Grove inaugurou unha nova edición dos talleres de Técnicas de Estudo coa participación de catro alumnos de secundaria e dos seus respectivos pais ou nais. Os talleres, que se desenvolven os mércores e xoves no Edificio de Usos Múltiples do Concello do Grove, teñen como obxectivo preparar o alumnado para superar con éxito o curso escolar.

 

Os talleres son gratuítos e desenvólvense en grupos de catro alumnos, tendo en conta os cursos, cos seus respectivos pais. Con este programa, desde a concellería de Educación preténdese mellorar os hábitos de estudo e o rendemento académico dos estudantes, pero tamén implicar aos pais e ás nais. Así, mentres o alumnado recibe unha maior motivación cara ao estudo, mellorando o seu rendemento escolar e traballando aspectos de prevención ante o fracaso e o absentismo escolar, os pais e as nais coñecen cales son os hábitos e as técnicas que deben mellorar o alumnado nas súas casas durante o tempo de estudo.

 

Durante as sete sesións que conforman cada taller de Técnicas de Estudo, traballaranse aspectos como a atención selectiva, a atención mantida, o autocontrol mediante auto-instrucións, a memoria, neutralizar elementos distractores, resolución de problemas nos exercicios e bloqueos nos exames.

 

Evitar o fracaso escolar

Os talleres de técnicas de estudo súmanse a un paquete de actuacións postas en marcha pola Concellería de Educación co obxectivo de mellorar o rendemento académico do alumnado e reducir o fracaso e abandono escolar. Así, ademais desta actividade, impártense clases gratuítas de apoio escolar entre alumnado de secundaria e nos institutos ofrécese o programa Inclusión Escolar, destinado ao alumnado expulsado do centro.

 

A través das clases de apoio, nas que participan un total de 24 alumnos, ofrécense instrumentos para minimizar as carencias detectadas en cada un dos participantes, recuperar as materias non superadas e implantar en cada alumno unhas habilidades e mentalidade de traballo autónomo de cara ao futuro. A gratuidade do programa permite que participen neste apoio escolar alumnos que doutro xeito non poderían telo recibido.

 

O programa Inclusión Escolar, que funciona por segundo curso consecutivo, está destinado ao alumnado da ESO. A través deste programa, preténdese ofrecer unha alternativa ao alumnado ante a súa expulsión do centro, evitando que a expulsión se converta nunha oportunidade para pasar a mañá só nas súa casa.