Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os estudantes Noa Fernández e Carlos Gondar, gañadores do III Concurso de Fotografía Medioambiental que organiza a Concellería de Educación

Fecha: 2014-05-21

 

  • Organizarase unha exposición con todas as imaxes presentadas a concurso.
  • Os premios entregaranse o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.

 

Os estudantes Noa Fernández Garrido, alumna de 5º de primaria do CEIP Valle-Inclán, e Carlos Gondar Álvarez, do instituto Monte da Vila, son os gañadores da terceira edición do Concurso de Fotografía Medioambiental que organiza a Concellería de Educación do Concello do Grove. Ademais, o xurado do concurso acordou distinguir cun accésit o traballo do tamén alumno de secundaria Gabriel Díaz.

 

Noa Fernández Garrido, gañadora na categoría de 5º e 6º de primaria, presentou a fotografía “O manancial da vida”. Como escenario elixiu unha lagoa do monte A Siradella, rodeada de vexetación e na que aparece un plástico, demostrando que o mundo está contaminado. Pola súa parte, Carlos Gondar Álvarez, gañador na categoría de 3º e 4º da ESO, presentou unha foto tomada na praia da Lanzada na que se mestura a natureza coa presenza do home a través dunha táboa de surf e dunhas pegadas. Ambos os dous estudantes recibirán cheques-regalos por valor de 100 euros, para cambiar no comercio local. No caso de Gabriel Díaz, tamén alumno do IES Monte da Vila, o xurado destacou o seu traballo “Folla nova” cun accésit por valor de 50 euros. Presentou ao concurso unha fotografía feita no Monte Central da Toxa, cun primeiro plano da folla dunha árbore durante o outono.

 

As fotografías gañadoras foron as seleccionadas entre un total de 30 imaxes presentadas. Todas elas formarán parte dunha exposición a principios de xuño na biblioteca municipal. 

 

A entrega de premios terá lugar o xoves 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente. Ese día, ademais, organizarase un espectáculo de monicreques con Avento Teatro na biblioteca municipal. Laranxus 7 é un espectáculo no que se tratan temas como a ecoloxía, a tolerancia, a amizade e a solidariedade.

 

O obxectivo que se persegue desde a Concellería de Educación coa convocatoria deste concurso é concienciar a rapazada sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e a perda da biodiversidade, así como a necesidade de comprometerse coa protección do medio natural e do contorno. “A través dunha actividade divertida -a fotografía-, o alumnado pasará un momento divertido e entretido, ao mesmo tempo que comprende e valora a importancia de protexer a natureza e o noso contorno”, opina a concelleira Laura Besada.

 

Gañadora de Primaria, Noa Fernández

 

Gañadora Secundaria, Carlos Gondar

 

Accésit secundaria, Gabriel Díaz