Noa Fernández, Carlos Gondar e Gabriel Díaz reciben os premios do III Concurso Escolar de Fotografía Medioambiental
Fecha: 2014-06-05

- Todos os traballos presentados forman parte dunha exposición que se pode visitar na biblioteca municipal
- No Día Mundial do Medioambiente os nenos e as nenas gozan dun espectáculo de monicreques
Os estudantes Noa Fernández Garrido, alumna de 5º de primaria do CEIP Valle-Inclán, e Carlos Gondar Álvarez e Gabriel Díaz, do instituto Monte da Vila, reciben esta tarde os premios do III Concurso de Fotografía Medioambiental que organizou a Concellería de Educación para conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medioambiente. Tras a entrega dos premios na Biblioteca Municipal, o público gozará dunha sesión de monicreques a cargo da compañía Avento Teatro.
Noa Fernández Garrido, gañadora na categoría de 5º e 6º de primaria, presentou a fotografía “O manancial da vida”. Como escenario elixiu unha lagoa do monte A Siradella, rodeada de vexetación e na que aparece un plástico, demostrando que o mundo está contaminado. Pola súa parte, Carlos Gondar Álvarez, gañador na categoría de 3º e 4º da ESO, presentou unha foto tomada na praia da Lanzada na que se mestura a natureza coa presenza do home a través dunha táboa de surf e unhas pegadas. AmboS os dous estudantes reciben cadanseu cheque-regalo por un valor de 100 euros para cambiar no comercio local, así como un lote de libros e un diploma. No caso de Gabriel Díaz, tamén alumno do IES Monte da Vila, o xurado destacou o seu traballo “Folla Nova” cun accésit por valor de 50 euros, un lote de libros e un diploma. Presentou ao concurso unha fotografía feita no Monte Central da Illa da Toxa, cun primeiro plano da folla dunha árbore durante o outono.
As fotografías gañadoras foron seleccionadas entre un total de 30 imaxes presentadas ao concurso. Todas elas formarán parte dunha exposición a principios de xuño na mesma biblioteca municipal.
A entrega de premios é hoxe, ás 18.00 horas, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente. A continuación, Avento Teatro porá en escena o seu espectáculo de monicreques Laranxus 7, no que se tratan temas como a ecoloxía, a tolerancia, a amizade e a solidariedade.
O obxectivo que se persegue desde a Concellería de Educación coa convocatoria deste concurso é concienciar a rapazada sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, así como a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do contorno.