Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación inaugura as clases de reforzo escolar de verán para o alumnado de secundaria

Fecha: 2014-07-03

 

  • Conta coa participación de 25 alumnos

  • O programa estará apoiado por técnicas de estudo, de motivación e prácticas grupais

 

A Concellería de Educación volve a apostar por segundo ano consecutivo por desenvolver durante os meses de xullo e agosto obradoiros de reforzo educativo para o alumnado de secundaria. Deste xeito, durante as vacacións, organízanse clases de apoio co obxectivo de intentar previr e reducir o abandono escolar. Estas clases xa se organizaron durante o verán pasado, con importantes resultados tanto a nivel académico como de rendemento educativo, e impartíronse tamén entre xaneiro e xuño, dirixíndose non só ao apoio enfocado á recuperación das materias non superadas, senón á implantación en cada alumno dunhas habilidades e dunha mentalidade de traballo autónomo cara ao futuro.

 

No programa participan alumnos de 1º, 2º e 3º de ESO. A gratuidade das clases permite que asistan alumnos que doutro xeito non terían posibilidade de recibir apoio escolar no verán. Algúns participantes xa acudiron ás clases de reforzo durante o inverno, outros son novas incorporacións propostas desde os departamentos de Orientación dos centros educativos de secundaria do municipio. Desde a posta en marcha desta iniciativa, hai agora un ano, os servizos municipais están en permanente contacto cos centros para valorar o desenvolvemento das clases de reforzo, así como o aproveitamento por parte do alumnado que participa nelas.

 

As clases estanse impartindo en horario de mañá na aula de formación da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. O alumnado está divido en dous grupos. O primeiro ten clase entre as 9.00 e as 11.30 horas, mentres que o segundo asiste de 11.30 a 14.00 horas.

 

O programa está impartido por dous docentes: un encargado do ámbito científico tecnolóxico e outro a cargo do ámbito lingüístico-social. As actividades propostas comprenden clases teórico-prácticas, dirixidas ao reforzo educativo e que van estar apoiadas en todo momento por sesións transversais de técnicas de estudo e outras habilidades necesarias para o desenvolvemento integral da aprendizaxe (técnicas de motivación, dinámicas grupais...). As materias que se impartirán no programa son matemáticas, física e química e linguas castelá, galega e inglesa. Pero ademais, e como resultado da demanda do alumnado dos programas anteriores, tamén haberá un apoio con material extra para o alumnado de bioloxía, tecnoloxía e historia.

 

Estes obradoiros de reforzo educativo complementan outras iniciativas postas en marcha no último ano para evitar o abandono e fracaso escolar do alumnado do concello. Neste sentido, ademais deste programa, apostouse por organizar varios talleres de técnicas de estudo para o alumnado e os seus proxenitores: a Escola de Familia 1.0; charlas de motivación cara ao estudo; o programa de inclusión escolar para evitar as expulsións nos centros e ata campañas de sensibilización para previr o abandono escolar e fomentar o retorno educativo.