Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Xuventude presenta o Ogrovejam Fest 2014

Fecha: 2014-07-04

 

O vindeiro 25 de xullo, a partir das 10.00 h na praza do Corgo do Grove, a asociación Ría Urbana levará a cabo a terceira edición do festival de cultura urbana Ogrovejam Fest. Esta edición contará, igual que nas anteriores, con diversas formas de expresións artísticas e deportivas ligadas ao mundo da cultura hip-hop. O festival será gratuíto. Nesta edición contaremos tamén cun posto da Fundación Amigos de Galicia para recoller alimentos non perecedoiros e tapóns de plástico. As actividades que se van realizar son as seguintes:

 

Campionato fuikaomar 3x3 baloncesto urbano

Xógase ao aire libre. A maneira de xogar é un tanto distinta á do baloncesto tradicional, conta con tres xogadores na cancha por cada equipo e as súas regras son máis permisivas. Saltou á fama como parte do espectáculo dunha marca americana de zapatillas e complementos deportivos moi coñecida.

 

Exhibición e obradoiro de parkour

O parkour é unha disciplina deportiva de orixe francés. Consiste en desprazarse en calquera contorno usando as habilidades do propio corpo e procurando ser o máis rápido posible.

 

Exhibición de graffiti

Como novidade este ano as superficies empregadas para facer os graffiti serán colectores de vidro. Sete serán os writers (como se coñece a quen practica esta disciplina artística) os encargados de plasmar as súas pinturas para o noso gozo. Son todos galegos e o tema escollido pola organización é “xuventude e cultura urbana”. Os traballos serán orixinais e inéditos.

 

Exhibición e obradoiro de breakdance

É un baile que combina unha serie de movementos aeróbicos e rítmicos influenciados polos bailes aborixes, as artes marciais, a ximnasia e o funk. A lista de movementos é enorme e require gran dedicación e disciplina para se levar a cabo. O obradoiro está destinado a xente nova de entre 8 e 16 anos, principalmente. Os encargados de faceren a exhibición e o obradoiro serán os coñecidos Faneka Attack Crew.

 

Obradoiro de produción e edición musical

Destinado a todas aquelas persoas interesadas no mundo da produción e edición musical, independentemente da súa idade. Métodos de traballo, programas máis utilizados, estilos, produción e edición básica serán os puntos para tratar. O obradoiro será impartido polo producor Xury, dos estudios grovenses GaryDreams.

 

Concurso de bandas galegas noveis OGJF

Por primeira vez inclúese no festival o Concurso de Bandas Galegas Ogrovejam Fest. O gañador do concurso será escollido por voto popular nas redes sociais e polo xurado da organización. Na presente edición do festival participará e gañará a produción totalmente gratuíta dunha maqueta con 4 beats inéditos e de uso exclusivo producidos polo estudio grovense GaryDreams.

 

Concertos

A principal actividade deste festival volve ser nesta edición os concertos. Pasarán polo escenario artistas de talla estatal e internacional. Como prato forte e para rematar a noite, actuarán os barceloneses MKU (Mbaka e Kunta K, dous coñecidos mc´s con moita traxectoria) e o rapeiro arquicoñecido Juan Solo, un dos precursores do rap feito no Estado español. Os artistas que pasarán polo escenario son: Wolf Rayet, 504, Barton Kidz, Dj Laese, Lsebe, Crespo, MKU e Juan Solo.

 

After party

Como vén sendo costume tamén, temos organizado un after party a partir da 1.00 h, cando os concertos rematen. A entrada para o after party será de 3 € para os socios de Ría Urbana e de 5 € para o público xeral. A recadación íntegra irá destinada a sufragar as distintas actividades do festival. Os dj's encargados de mover os pratos esa noite serán: Dj Eley (Barcelona), Dj Laese (Pontevedra) e Manu TF & Bomwas. o local escollido para a festa é o Twist & Shout Club, na rúa de Jaime Solá mestre, 9.

 

Máis información>

 

Descargue o cartel da actividade>