A IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra, esta fin de semana en Punta Moreiras
Fecha: 2014-09-05
Os días 5, 6 e 7 de setembro, como continuación dos actos da Festa da Salga organizada polo Concello do Grove, vai desenvolverse no Espazo Museístico de Punta Moreiras a IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra.
Como se pode ver no programa, as actividades que van ter lugar durante esta IV xuntanza non consisten unicamente na navegación das embarcacións tradicionais, senón que comprenden outras moi diversas e interesantes, todas relacionadas coa cultura marítima que unicamente se poden ver ocasionalmente, como nesta ocasión.
Cómpre salientar tamén que na singradura da mañá do sábado as embarcacións tradicionais sairán desde O Porto de Meloxo e se navegarán ata o porto do Grove, para continuar logo ata a ponte que cruza á Illa da Toxa, onde farán varias viradas . Na travesía do sábado pola tarde e na do domingo pola mañá, as embarcacións farán a navegación preto das praias que van desde Punta Moreiras ata O Carreiro.
As navegacións das embarcacións tradicionais están pensadas para que o público poida seguilas facilmente desde terra, asegurando a súa vistosidade e a posibilidade de obter imaxes espectaculares.
As persoas que veñan de fóra do Grove e queiran achegarse ata o Espazo Museístico de Punta Moreiras para participar nas actividades desta cuarta xuntanza deben seguir os sinais viarios que indican o camiño cara a “Acuario” ou “Salazón”, que facilmente atoparán en canto cheguen ao centro da vila.
Nesta cuarta edición da xuntanza participarán máis de cincuenta embarcacións, superándose os douscentos vinte e cinco tripulantes procedentes de toda Galicia e Portugal, o que converte esta concentración de embarcacións tradicionais do Grove na máis importante das que se van realizar durante o ano 2014.
A IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais está organizada pola Asociación Amigos da Dorna Meca do Grove e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, contando co patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas, así como coa importante colaboración do Concello do Grove.