Os colexios do Grove están preparados para recibir o novo curso escolar
Fecha: 2014-09-10
A Concellería de Educación aproveitou o período de vacacións para facer obras nos catro centros do municipio
Os colexios do Grove xa están preparados para recibir o novo curso escolar. Desde o inicio das vacacións do verán, a Concellería de Educación estivo coordinando traballos de mantemento nos catro centros de infantil e primaria, respondendo as demandas e peticións realizadas desde as direccións dos centros, así como desde as propias asociacións de nais e pais.
Ademais das reparacións de carpintería, fontanería, albanelería, electricidade e mantemento de zonas exteriores e xardíns, tamén se fixeron investimentos para garantir que as aulas estean nas mellores condicións para acoller o alumnado. Unha das obras máis importantes foi a substitución da carpintería de aluminio en catro aulas do colexio Valle-Inclán, continuando así o investimento iniciado o ano pasado e que naquel momento xa permitiu cambiar as ventás doutras tantas clases. Esta semana tamén concluirá neste centro a substitución das tres portas de acceso. Outras actuacións que se incluíron foron o pintado da estrutura do patio cuberto, o pintado interior da antiga casa do conserxe e o cambio e arranxo dos xogos do parque infantil.
No colexio Rosalía de Castro as obras centráronse en arranxar os problemas de humidades que existían nunha das aulas exteriores do centro, e que se agravaron durante o pasado curso, con actuacións e tratamentos tanto no interior do edificio como na fachada para evitar a filtración de auga. Neste centro a Consellería de Educación tamén levou a cabo melloras integrais nos aseos da primeira planta, que estaban pendentes, cumprindo deste xeito o compromiso adquirido coas nais e pais do centro.
En Conmeniño as actuacións centráronse en habilitar a aula onde estaba a antiga biblioteca para situar nela unha das clases de educación infantil. Cabe recordar que durante o curso se reformou o antigo laboratorio para trasladar alí a biblioteca, xa que era un espazo máis amplo e con maior iluminación. Ademais, continuouse coa rehabilitación da antiga casa do conserxe, que servirá para que a ANPA poida organizar e desenvolver alí as súas actividades, e instalouse un portal automático para garantir a seguridade no acceso ao centro. Finalmente, no colexio As Bizocas cambiáronse os teitos de varias aulas e seláronse as caixas das persianas para evitar as filtracións de aire.