O Concello pon en marcha dous cursos de alfabetización dixital e un obradoiro de lectura
Fecha: 2015-10-15
As clases impartiranse na biblioteca municipal do Grove e darán comezo a vindeira semana.
O Concello do Grove vai poñer en marcha dous cursos de alfabetización dixital e un obradoiro de lectura para adultos que serán impartidos polo persoal da biblioteca municipal do Grove. Cada curso de alfabetización dixital constará dun total de 8 sesións de hora e media de duración cada unha. Estes cursos están especificamente dirixidos a persoas adultas que, por cuestións formativas ou xeracionais, non tiveron oportunidade de acceder a estas tecnoloxías e que, polo tanto, precisan adquirir coñecementos básicos. Trátase de contar con habilidades básicas para accederen ás novas tecnoloxías tentando así de paliar a “fenda dixital” e os problemas que esta comporta.
O primeiro curso, Alfabetización dixital, básica terá lugar os martes de 10.00 a 11.30 horas e comezará o 27 de outubro. Está dirixido a persoas con escaso ou nulo coñecemento das novas tecnoloxías. O segundo, Como sobrevivir no mundo dixital, impartirase os luns de 10.00 a 11.30 horas desde o 26 de outubro. Está dirixido a todas aquelas persoas que teñan un coñecemento básico do ordenador, pero que queiran comezar a desenvolverse no “mundo dixital” e aprender o manexo do correo electrónico, das redes sociais, realizaren en liña diferentes trámites...
Ademais diso, o 5 de novembro iniciarase un Obradoiro de lectura que se vai desenvolver os xoves de 10.00 a 11.30 horas.
Todas as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poderán inscribirse na biblioteca municipal do Grove a partir do 19 de outubro. O número de prazas de cada edición é limitado, polo que se atenderán estas mesmas por rigorosa orde de inscrición.