O Concello do Grove demostrará a necesidade dun auditorio para a vila
Fecha: 2015-10-16
A carpa institucional da Festa do Marisco estará dispoñible para actividade cultural ata o vindeiro 8 de novembro.
A actividade cultural da Festa do Marisco non rematou o día 12. A carpa institucional da Festa, equipada cunha sala de exposicións e un auditorio con 420 prazas, quedará instalada na praza do Corgo ata o vindeiro 8 de outubro para acoller actividades de todo tipo. A carpa xa foi posta á disposición dos colectivos culturais e educativos do concello e, a día de hoxe, xa están confirmadas dúas exposicións, catro obras de teatro e catro proxeccións de cine. Nos vindeiros días pecharase a programación completa, xa que tamén se están concretando actuacións musicais, de baile e, por suposto, conferencias e sesións formativas.
Inda que a nin localización nin as características desta carpa son, por suposto, as idóneas para o desenvolvemento de actividades culturais, o Concello do Grove agarda a asistencia masiva dos veciños e veciñas para corroborar algo que é sobradamente sabido: a extrema necesidade que ten O Grove dunhas instalacións culturais adecuadas.
A actividade comeza esta fin de semana
Entre os eventos confirmados atópase o Ciclo de Teatro organizado pola Asociación Cultural Enxebre. Todos os sábados ás 21.00 horas haberá teatro da man de compañías galegas dentro do Circuito Galego de Teatro Amador e grazas á colaboración da Fegatea e do propio Concello. Este sábado teremos a oportunidade de contar coa obra Un cabaret de película, a cargo da compañía FarandOleiras. Xa o domingo, ás 19.00 horas, os máis cativos poderán asistir á proxección da película de Disney Pixar Big Hero.
Paralelamente, mañá sábado ás 12.00 horas inaugurarase na Sala das Cunchas e das Dornas da Casa do Concello a exposición colectiva de Artegrove e ás 12.30 horas a mostra de fotografías sobre a Festa do Marisco dentro do proxecto “Vivir tocando o Mar”, realizadas polo alumnado do colexio Valle Inclán.