Comeza unha nova temporada de ‘Piscina para maiores’
Fecha: 2015-10-20
Esta semana comezarán no Hotel Louxo La Toja as actividades en medio acuático para maiores.
Un ano máis o talaso do Hotel Louxo La Toja acolle o programa de actividade física no medio acuático para maiores. A finalidade deste programa é que os maiores conserven e melloren notablemente a súa mobilidade articular, ademais de manter a súa forza muscular, o que axuda a garantir a súa autonomía un maior número de anos.
A actividade realízase na piscina interior de auga de mar climatizada do Hotel Louxo La Toja e conta cunha temperatura superior á das piscinas convencionais, o que permite que incluso as persoas que presentan maiores limitacións na súa mobilidade poidan participar neste proxecto. As clases desenvolveranse todos os luns e mércores de 9.15 a 10.15 horas e teñen un prezo de 18 euros por un día á semana e 35 euros por dous días á semana.
Debe destacarse a inestimable colaboración do Hotel Louxo La Toja, que ano tras ano permite realizar esta actividade municipal nas súas instalacións mantendo así o seu compromiso social cos veciños e veciñas do Grove.