Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A mocidade do Grove mostra o seu apego polo galego

Fecha: 2015-10-27

O acto de entrega dos premios do concurso de adhesivos “Apégate ao galego” tivo lugar o pasado domingo 25 na Carpa Institucional da praza do Corgo, onde tamén se inaugurou a exposición con todos os deseños participantes.

A seguir, Peter Punk, un dos clowns e humoristas galegos máis destacados e recoñecidos do momento, presentou no auditorio da carpa o seu espectáculo “A Chungatrona”.

 

O mes pasado, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove, en colaboración coa Concellaría de Educación deste municipio, organizou o concurso de adhesivos “Apégate ao galego” co obxectivo de fomentar o uso e as actitudes positivas cara ao idioma galego entre o alumnado de educación primaria e ESO da localidade. Para tal fin, a rapazada debería deseñar un adhesivo cun texto ou lema relacionado coa promoción da lingua galega, acompañado dun debuxo.

 

Chegado o momento de seren ditaminados os premios, o xurado decidiu concederlle o da categoría de educación primaria a Juanma Rodríguez Rodríguez, alumno de segundo curso do CEIP Rosalía de Castro. Así mesmo, na categoría de ESO resultou gañador o debuxo presentado por Lucía Rodríguez Cid, alumna de segundo curso do IES As Bizocas. 

 

A gañadora e o gañador recibiron de mans do alcalde do Grove, Jose Cacabelos, e da concelleira de Cultura, Pilar Galiñanes, cadanseu bono-agasallo de 50 euros para cambiaren por libros ou material audiovisual en galego nas librerías da vila e verán os seus deseños convertidos en adhesivos, que foron repartidos entre as persoas asistentes ao acto. 

 

Exposición e actuación de Peter Punk

 

Ademais da entrega de premios, nese mesmo espazo inaugurouse a exposición con todos os deseños participantes no concurso e, a seguir, a iso das 12.00 h, no auditorio da carpa, grandes e pequenos riron a escachar coa actuación de Peter Punk, un dos clowns e humoristas galegos máis destacados e premiados nestes últimos anos, tanto na nosa terra coma fóra dela, que presentou no Grove o seu espectáculo "A Chungatrona".