O Concello do Grove colabora na posta á disposición de autobuses para asistir ás marchas contra a violencia machista do 7-N
Fecha: 2015-10-28
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través do CIM do Concello do Grove
A Deputación Provincial de Pontevedra puxo á disposición das persoas interesadas autobuses gratuítos para acudir á manifestación que se celebrará en Madrid o vindeiro 7 de novembro. Trátase dunha marcha estatal que quere denunciar as violencias machistas que están tendo graves consecuencias nos últimos tempos, logo dun verán sanguento no que se acenderon todas as alarmas e que fan necesaria unha implicación social e institucional para frear esta violencia.
Deste xeito haberá catro autobuses que sairán de Vigo, Pontevedra, Caldas, e Vilagarcía. Desde o Centro de Información a Muller (CIM), situado no 2º andar do edificio administrativo municipal do Concello do Grove recolleranse inscricións ata o día 3 de novembro para poder reservar prazas no autobús que sae de Vilagarcía. Se o número de inscritos acada unha cifra significativa, realizarase a súa recollida no propio Concello do Grove; se o número é reducido, a saída programarase desde a zona TIR do Porto de Vilagarcía ás 23.30 horas do día 6 de novembro.
Desde o Concello do Grove anímase a aquelas veciñas e veciños que queiran colaborar na expresión do rexeitamento á violencia machista a que participen desta marcha. O apoio institucional a este acto xa quedou constatado na moción aprobada por unanimidade no Pleno que tivo lugar na tarde de onte, polo que é preciso artellar accións e medidas que visibilicen o problema a sumen esforzos na busca dunha solución.