O Concello do Grove pecha unha ampla programación de outono
Fecha: 2015-10-28
Desde o 17 de outubro e a ata o 6 de xaneiro están previstas máis de 50 actividades culturais, festivas e deportivas dirixidas a todo tipo de públicos
O Concello do Grove, grazas á colaboración dos numerosos colectivos culturais e deportivos existentes na vila, acaba de pechar un programa de actividades para os vindeiros dous meses que pretende dinamizar e poñer á disposición da veciñanza unha ampla oferta lúdica e cultural. É subliñable que o programa xorde da colaboración directa de todas as concellerías que conforman o Goberno local, feito que permite contar con máis actividades e optimizar os escasos recursos existentes. Deste xeito, existe unha coordinación clara no deseño da programación para evitar solapamentos ou duplicidades na súa organización e desenvolvemento.
Cómpre destacar, ademais, que seguindo a pauta marcada desde o comezo do mandato, traballouse para presentar propostas que cubran as demandas da maior variedade posible de públicos, se ben as datas do Nadal supoñen un especial reforzo no relativo á xente máis nova, tentado ofertar actividades que doten de contidos o período de vacacións escolares.
O Concello do Grove continúa avanzando no relativo á programación de actividades, de tal xeito que se ten traballado cunha maior previsión que no da programación do período de verán, pero aínda será preciso unha melloría no deseño e artellamento das actividades. A este respecto, resulta crucial o traballo das distintas asociacións e colectivos e agárdase pode seguir contando coa súa inestimable colaboración.
No tocante á publicidade e comunicación do programa, unha vez máis, pídese a colaboración cidadá para a súa difusión co fin de tentar reducir os elevados custos que isto supón. Deste xeito, anímase a seguir as previsións e novidades a través do Facebook “Outono O Grove”.