O Concello do Grove entregará este venres o XXII Premio de Novela Curta nunha Gala de Homenaxe a Lueiro
Fecha: 2015-11-05
A gala celebrarase a partir das 20.30 horas na carpa institucional presentada pola poetisa Yolanda Castaño.
O Concello do Grove quere revitalizar a figura do escritor de referencia da vila, para ese fin acaba de organizar unha Gala de homenaxe na que se lle entregará o XXII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta ao ribeirense Antonio Piñeiro Fernández pola súa obra O noiro. O evento será presentado por Yolanda Castaño e contará coa presenza da familia de Lueiro Rey e de representantes do mundo da literatura en Galicia.
Ademais da lectura de poemas a cargo dos mozos e mozas dos IES Monte da Vila e As Bizocas e das distintas intervencións, o acto contará coas actuacións do dúo de corda conformado por Clara Pino e Abel Afonso e do cantautor Narf, quen deleitará os asistentes con pezas poéticas musicadas.
O premio
O premio está dotado con 3.000 euros e chega este ano á súa vixésimo segunda edición. Na edición de 2015 concorreron un total de quince obras, que foron valoradas por un xurado presidido por Manuel Quintáns e conformado por Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Antonio Pichel —gañador da edición anterior— todos eles recoñecidos especialistas no eido da literatura.
Desde o Concello do Grove convídase a todos os veciños e veciñas a que participen neste acto que servirá para poñer en valor a figura de Lueiro e para preparar o ano 2016, no que se celebrará o centenario do seu nacemento.