O Concello realiza unha rolda de contactos centradas en infraestruturas e urbanismo
Fecha: 2015-11-19
O alcalde do Grove e a concelleira de Obras e Servizos mantiveron senllas entrevistas co director da Axencia Galega de Infraestruturas e coa secretaria xeral de Urbanismo.
O Concello do Grove recompilou unha serie de demandas relativas ás infraestruturas de titularidade autonómica que foron plasmadas nun informe que foi presentado na Axencia Galega de Infraestruturas nunha reunión que tivo lugar na mañá de onte, mércores. Dun xeito máis concreto, expuxéronse cuestións relativas á iluminación do tómbolo da Lanzada, a reparación do firme da rotonda e o mantemento das zonas verdes. Tamén se incidiu na mellora do mantemento da estrada en dirección a San Vicente do Mar.
Sobre a mesa estivo tamén un tema complexo: o relativo a rúa Luis A. Mestre, que segue dependendo da Xunta de Galicia. A este respecto, o Concello presentou unha premisa clara no referido a que a rúa só podería ser recibida logo de acometer as melloras de servizos que require, xa que doutro xeito serían as arcas municipais as que terían que acometer a totalidade do custo.
Ante estas propostas, a única resposta positiva foi a relativa a revisar o firme das rotondas da Lanzada e da orde de reparar e mellorar a súa seguridade mellorando a súa visibilidade, propoñendo que o Concello (se Medio Ambiente o permite) coloque iluminación nelas. Non se aceptan as propostas no relativo a esta zona e ofreceuse a recepción da estrada a San Vicente e Luis A. Mestre na situación actual.
Urbanismo
Posteriormente, mantívose unha reunión coa secretaria xeral de Urbanismo na cal o tema principal foi o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Desde a Secretaría de Urbanismo manifestouse unha colaboración total para aprobar o documento, considerando esta como unha vía fundamental para corrixir moitos do problemas urbanísticos do Concello.
No relativo aos núcleos costeiros, informouse da presentación dun recurso contencioso administrativo pola totalidade dos núcleos denegados. Segundo as consideracións desta secretaria, o problema na meirande parte dos casos estivo nunha incorrecta argumentación no seu planeamento, o que fai prever unha difícil solución.