O Concello do Grove entra no circuíto de ‘Cinemas de Galicia’
Fecha: 2015-11-26
A Asociación Galega de Industrias Culturais (AGADIC) acaba de seleccionar O Grove para formar parte da rede de salas públicas de exhibición cinematográfica.
A AGADIC confirmou a incorporación do Concello do Grove no programa “Cinemas de Galicia”. Trátase dunha rede de salas públicas de exhibición cinematográfica creada coa finalidade de incrementar tanto o número de pantallas da Comunidade como as opcións de distribución dos filmes galegos máis recentes. Deste xeito, a partir de agora ponse en marcha todo o proceso administrativo para que O Grove conte cos permisos e autorizacións para habilitar ese local de exhibición e de cara ao primeiro trimestre de 2016 poderán comezar a programarse películas.
Desde o Concello do Grove xa se ten posto en marcha un estudo para acometer as reformas precisas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey co fin de que cumpra os requisitos precisos para realizar eses pases. A análise inicial indica que tan só será preciso habilitar unha pantalla de tamaño adecuado e mellorar o sistema de proxección.
O circuito de Cinemas de Galicia leva desenvolvéndose desde 2014. Inicialmente participaron catro concellos, contando xa en 2015 con seis (As Pontes, Foz, O Carballiño, Ortigueira, Redondela e Verín). Tense ampliado tamén o catálogo de filmes combinando a producción galega e o cine europeo actual. Segundo a AGADIC “a experiencia tenta facilitarlle ao público galego a oportunidade de gozar en pantalla grande dunha escolma de filmes que, malia súa contrastada calidade, non son doados de atopar nos circuítos comerciais”.