O Consello Local de Igualdade concreta unha ampla programación para o 25-N
Fecha: 2015-11-18
As actividades pretenden afondar na concienciación de toda as sociedade darlle visibilidade ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O Consello Local de Igualdade, reunido na tarde de onte, ten consensuado un programa de actividades co gallo do 25 de novembro. As actividades darán comezo o 23 de novembro e estenderanse ata o 4 de decembro e pretenden incidir na condena e no rexeitamento enérxico de todo tipo de violencia contra as mulleres.
As actividades tamén buscan concienciar o público de todas as idades, facendo especial fincapé nas etapas de formación, pola súa importancia crucial na erradicación desta violencia. Deste xeito poñeranse en marcha iniciativas de grande interese, grazas á colaboración dos centros educativos, como é a exposición “Elas son terra firme” que poderá visitarse no CEIP Valle-Inclán entre o 23 e o 26 de novembro. Nela recóllense os traballos feitos por alumnos do colexio tentando fomentar a protección e coidado das nosas illas (especialmente as pertencentes ao Parque das Illas Atlánticas) e que conseguen enlazar coa idea respecto e a igualdade cara ás mulleres.
Tamén os institutos participarán neste programa e o 24 e 25 de novembro tanto o IES Monte da Vila como o IES As Bizocas celebrarán Xornadas de concienciación contra a violencia de xénero para sensibilizar, concienciar e reflexionar sobre a lacra social que supón. Como resultado destas xornadas abrirase ao público unha exposición que estará dispoñible a partir do propio día 25 de novembro.
Para as conmemoración da data concreta do Día Internacional contra a Eliminación da Violencia contra a Muller convocarase unha concentración diante da Casa do Concello ás 12.00 horas e o Consello Local de Igualdade lerá un manifesto. Despois desta lectura realizarase unha homenaxe ás vítimas desta violencia.
Ao día seguinte, 26 de novembro, terá lugar unha mesa redonda para abordar a problemática na que participarán a vicepresidente da Rede Provincial de Pontevedra pola Igualdade, Diana López Valera, a representante da Rede de Mulleres contra os malos tratos, Iria Vázquez Silva. a directora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), Rosa Arcos Caamaño e a Presidenta da Asociación Tenses pola Igualdade, Rosa Gómez Limia.
As actividades non rematan aquí, xa que o día 29 de novembro terá lugar a “Andaina contra a Violencia Machista”, que sairá da praza do Corgo ás 10.00 horas e fará un percorrido de 9 quilómetros. Finalmente, o 4 de decembro, terá lugar un obradoiro de “Violencia de xénero no novo contexto dixital” dirixido a adolescentes do IES Monte da Vila e As Bizocas e no que participarán as propias rapazas e rapaces en quenda de mañá e as nais e pais de tarde.