Aprobadas as bases do concurso de disfraces
Fecha: 2016-01-26
Repartiranse 2.800 euros en premios que xunto aos máis de 5.000 destinados ás comparsas converten o Entroido do Grove nun dos máis importantes da comarca.
A Xunta de Goberno Local do Concello acaba de aprobar as bases do concurso de disfraces que terá lugar o martes 9 de febreiro polas rúas do Grove. Trátase dunhas bases que manteñen o realizado en anos anteriores, inda que inclúe unha revisión das normas de seguridade grazas ao asesoramento e experiencia da Policía Local, tentando que a festa se desenvolva con tranquilidade e todos os participantes, disfraces e público poidan gozar dela.
Como novidade, este ano o percorrido contará con animación musical e prestarase especial atención á organización dos participantes para evitar que as carrozas poidan dificultar o desfile dos grupos e individuais que participan no desfile e viceversa. Ademais diso, estanse ultimando melloras no circuíto do “sambódromo” meco que atenden a buscar a mellor lucidez posible do disfraces que participan no desfile.
Lémbrase que todos os interesados en participar nesta Gran Marcha do Entroido do Grove poderán inscribirse o mesmo día do desfile. Tamén se anima aos veciños e veciñas do Grove e aos visitantes para que veñan gozar do Entroido meco e lémbraselles que poden estar ao tanto de todas as novidades a través do facebook “Entroido O Grove”.
Bases do Concurso de Disfraces, normas de seguridade e formulario de inscrición de carrozas>