Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Nove comparsas do Grove participarán no Festival deste sábado

Fecha: 2016-02-03

 

 

Foron trece as inscritas para participar; ademais das nove locais, catro procedían doutros concellos.

 

Logo de que rematara o prazo de inscrición para participar no Festival de Comparsas do Grove foron trece as agrupacións que presentaron a solicitude. Deste total nove son conxuntos locais mentres que as catro restantes procedían doutros lugares. As bases do concurso establecen un máximo de dez comparsas no evento, tendo preferencia as do Grove. Deste xeito serán as nove locais as que participen, ás que se lles sumará unha décima que é elixida por rigorosa orde de inscrición. Así, “Os Trancheiros” de Vilagarcía serán os que abran o Festival de Comparsas de 2016. 

 

No referido ás comparsas do Grove, e como xa é habitual, a orde de actuación determinarase nun sorteo que terá lugar mañá xoves, ás 20.30 horas, na Casa do Concello. No bombo para ese sorteo estarán “Os Firrás”, “Os Groveiros”, “Os da Casualidá”, “Leña Verde”, “Os caramuxos afojados pola ameixa japónica”, “Os Onei´s Bin Band”, “As Plus”, “Os Arrombados” e “Os da Bayuca”. 

 

Capacidade limitada

 

Desde o Concello do Grove quere incidirse en que, no cumprimento das normas de seguridade para un evento destas características, a capacidade do pavillón de deportes do Monte da Vila atópase limitada a 1.100 persoas, tal e como se tiña establecido en anos anteriores. Deste xeito, este será o número máximo de entradas que serán postas á venda (a un prezo de 3 euros) durante todo o sábado. As caixas de venda estarán abertas entre as 11.30 horas e as 13.30 horas e a partir das 16.30 pola tarde. 

 

A Policía Local e o persoal de emerxencias encargarase de coordinar o dispositivo de seguridade deste e dos distintos eventos programados. No relativo ao Festival do sábado, as vías de acceso ao pavillón serán restrinxidas ao tráfico desde primeira hora da tarde, para facilitadrlles o acceso aos encargados da montaxe e ás propias comparsas. 

 

Para un mellor desenvolvemento da Festa e para facilitar o fluxo de xente, habilitarase unha pequena carpa na entrada do pavillón onde as comparsas poderán vender as súas historias, o que permite que os asistentes poidan adquirilas máis facilmente e os membros da comparsas non teñan que cruzar as bancadas para realizar a venda. 

 

Lémbrase que, ademais do Festival no pavillón de deportes, as comparsas farán as súas tradicionais rutas “de bares” o domingo pola mañá e o martes de Entroido, contando cun día engadido nesta ocasión, o mércores, que está marcado como festividade local. A todo isto engádense as actuacións previstas en San Vicente para o sábado 13 e o domingo 14.