O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove celebra o Día Mundial da Poesía
Fecha: 2016-03-17
Os actos desenvolveranse no pub Mohai e na Casa da Cultura do Grove.
A poeta pontevedresa Elvira Riveiro será a condutora de ambos os eventos.
Co gallo da conmemoración o vindeiro luns 21 de marzo do Día Mundial da Poesía, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove organiza estes días dúas actividades de dinamización lingüística nas que este xénero literario será o protagonista.
Por unha banda, o vindeiro domingo 20, ás 20.00 h, no pub Mohai, situado no número 7 da céntrica rúa Luís Seoane, presentarase no Grove Balada do peep show, un espectáculo dirixido ao público adulto creado polo tándem poético-musical formado pola escritora Elvira Riveiro e a dj Carina Posse. Nel combínase poesía, música, vídeo e performance para construír unha historia. Cada unha das súas pezas musicais foi escollida para lle dar vida a cada verso; cada imaxe fainos reconstruír un relato feito de retallos que o espectador terá que reconstruír cos seus sentidos e cos seus sentimentos. A entrada será de balde ata completar a capacidade do local.
Por outra banda, o luns 21, Día Mundial da Poesía, o público destinatario será a xente miúda. Neste caso vaise desenvolver na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, de 18.00 a 19.30 h, unha actividade de promoción da lingua galega consistente nun obradoiro de poesía para nenos impartido tamén, como xa adiantamos, pola profesora e poeta Elvira Riveiro, quen achegará a rapazada meca á linguaxe dun xeito divertido e enriquecedor. Dirixido a nenos e nenas de 8 a 13 anos, trátase dun obradoiro participativo onde os cativos se implicarán facendo as súas propias creacións mentres a monitora os guía e lles mostra a maxia das palabras. Traballarán con xogos da linguaxe e recursos estilísticos nos que se destaca o elemento fónico das palabras. Así mesmo, tamén se lle concederá importancia á imaxe, pois a xente nova está máis familiarizada coa linguaxe visual. Debido ás limitación do espazo onde se vai impartir, as prazas para este obradoiro son limitadas, polo que a participación necesita incrición previa contactando co SNL do Concello do Grove na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ou a través do seu enderezo electrónico: normalizacionlinguistica@concellodogrove.es.