O Concello do Grove abre unha nova convocatoria de composteiros domésticos
Fecha: 2016-03-22
O obxectivo é cumprir no 2020 co esixido na Directiva Europea en xestión de residuos.
A partir de hoxe abrirase un novo prazo para que todas as persoas interesadas poidan solicitar un composteiro doméstico destinado a facer compostaxe doméstica. A solicitude farase no Rexistro do Concello (edificio administrativo) e priorizaranse aquelas demandas de novos veciños ou veciñas que nunca antes pediran un.
Trátase dunha nova aposta por unha iniciativa que fora iniciada en 2009 e que contaba coa colaboración da organización ambientalista Amigos da Terra. Desde aquela data cóntase coa participación de 425 familias. A estimación é que a finais de ano sexan 100 máis as que poidan dispoñer dos composteiros a través das diferentes accións emprendidas polo Concello.
A experiencia posta en marcha ata o de agora amosa que nos fogares onde se realiza a compostaxe a cantidade dos residuos destinada ao colector xenérico reduciuse un 50% e que a separación selectiva do resto de residuos mellorou notablemente. Ademais, este veciños e veciñas participantes están empregando xa o compós obtido dos seus residuos orgánico para aboar os terreos de cultivo e xardíns.
Todo o anterior incide na mellora ambiental da contorna do Grove e confirma a aposta pola compostaxe como un sistema de xestión dos residuos alternativo e con resultados positivos demostrados.