Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A xefatura provincial de Educación comprométese a abordar obras nos colexios ‘ano a ano’

Fecha: 2016-04-13

A reunión mantida esta mañá en Pontevedra á que asistiron o alcalde do Grove e a concelleira de Educación serviu para establecer compromisos con respecto aos centros educativos.

 

Na reunión que tivo lugar hoxe na delegación territorial da Xunta de Galicia informouse de que a unidade técnica dependente da Xefatura Provincial de Educación realizou unha valoración do estado dos colexios do Grove. Logo diso trasladouse o compromiso desde a Xunta de Galicia de emprender actuacións nestes, pero que serían realizadas “ano a ano”, polo que non se acometerían grandes obras de xeito inmediato.

 

Así, no relativo ao colexio de Conmeniño realizarase unha actuación urxente no depósito de gas e na zona das caldeiras. Actuación que está taxada en ao redor de 7.000 euros; tamén se cambiarán as fiestras da zona infantil, pero neste caso mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello do Grove, polo que este terá que achegar 3.000 euros dos máis de 15.000 que custará a intervención. 

 

Ademais do anterior, informouse de que se vai mellorar de xeito urxente a conexión de internet do IES Monte da Vila. Precisamente, nos centros de secundaria tamén se realizarán investimentos. Concretamente, uns 4.000 euros para actuar no tellado das Bizocas e 7.500 para a impermeabilización dunha zona de escaleiras e da caldeira no Monte da Vila.

 

Tanto o alcalde como a concelleira de Educación destacaron o espírito colaborador da Xefatura Provincial a pesar de non acometer as obras requiridas polo Concello. Trátase de pequenas actuacións que solucionarán problemas urxentes, pero que non contemplan unha reforma integral dos centros educativos, tal e como parece necesario. Con todo, agárdase que os compromisos adquiridos na reunión sexan postos en marcha o antes posible.