O Grupo de Goberno levará a Pleno este mes a modificación da Ordenanza ‘de bo goberno’
Fecha: 2016-05-20
Tal e como xa se adiantara no pleno anterior, o Grupo de Goberno estivo a traballar na modificación da Ordenanza coñecida como “de bo goberno” e que fora aprobada en agosto de 2011. As ditas correccións xa se puxeran sobre a mesa en meses anteriores, se ben a maior atención sobre este texto suscitouse como consecuencia da polémica creada en torno aos autocaravanistas.
A este respecto, e tras a reunión mantida entre a Asociación Galega de Autocaravanas, representantes de hostalería e de cámpings, coa mediación do Concello, quedou patente que a demanda fundamental do colectivo de autocaravanistas estaba na modificación do artigo 51 da referida ordenanza xa que, a pesar de que non se realizou ningunha sanción ou expediente sobre este asunto, a existencia deste articulado xeraba inseguridade xurídica para os visitantes que empregan este tipo de vehículos.
Deste xeito, e segundo o compromiso adquirido, faise unha corrección de referido artigo, sinalando exclusivamente o que xa indica a lei autonómica, a prohibición de acampada en lugares públicos.
A proposta que se pretende aprobar no Pleno do mes de maio tamén inclúe outros cambios, como a eliminación da prohibición de xogo dos cativos en lugares públicos ou a modificación no relativo a sacar consumicións á vía pública. Neste punto téñense detectado graves problemas derivados de que se producen subtraccións dos vasos de cristal nos locais de ocio que acaban converténdose en materias perigosos nas rúas. Ante este feito é preferible que a saída á rúa con bebidas se realice con vasos de plástico, o que evita ese grave risco.
Tamén se realización matizacións, como a inclusión do uso de xabóns ou elementos de hixiene nas fontes das praias (ata agora contemplábase nas duchas) ou corrixir algunha das sancións previstas. Os cambios propostos polo equipo de goberno foron xa remitidos aos distintos grupos políticos para poder iniciar un debate que conclúa coa súa necesaria aprobación por parte do pleno.