O Concello do Grove outorga os premios do II Concurso de Educación Viaria
Fecha: 2016-07-19
O xurado acaba de ditaminar os premios relativos ás maquetas de educación viaria elaboradas polos distintos centros educativos do Grove.
O segundo concurso de educación viaria do Concello do Grove acaba de outorgar os correspondentes premios pola elaboración de maquetas sobre esta temática. En concreto, o primeiro premio recaeu na maqueta elaborada por 5º e 6º do CEIP As Bizocas, quen conseguiu 169 puntos e, polo tanto, leva un premio de 200 euros para gastos de material escolar. O segundo premio, dotado con 150 euros, tamén en material escolar, foi para o grupo de 5º A do CEIP Rosalía de Castro, e o terceiro, con 132 puntos, para 6ºB, tamén de Rosalía de Castro estando, neste caso, dotado con 100 euros en material escolar.
Todos os galardoados recibirán o seu diploma ao igual que o farán os grupos de 6ºA de Rosalía de Castro e de 5ºB do CEIP Valle-Inclán aos que o xurado decidiu outorgarlles unha mención especial ao ter acadado 126 e 108 puntos, respectivamente.
Lémbrase que todas as maquetas estarán expostas no primeiro andar da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ata o vindeiro 22 de xullo.