O Concello do Grove organiza un acto institucional para celebrar o Día de Galicia na Praza do Corgo
Fecha: 2016-07-22
O acto xirará en torno á poesía e a música.
O vindeiro luns ás 12.00 horas terá lugar na Praza do Corgo o Acto institucional do Día de Galicia. Logo de varios anos sen celebrar esta data, o ano pasado retomouse o costume de aproveitar o 25 de xullo para celebrar a lingua e a identidade galega. Para ese fin tense organizado un sinxelo acto que contará coa actuación de “Cinta Adhesiva” un proxecto literario-musical que, sobre o fío condutor da música de Jesús Andrés e os textos de Silvia Penas xoga coas melodías, os ritmos e a cadencia.
Ademais das habituais palabras institucionais e da lectura do manifesto que o goberno ten elaborado para este día, o acto pecharase co himno de Galicia interpretado pola Coral Polifónica da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove.
Actividades para os cativos
Para conmemorar o Día de Galicia o Concello ten organizado multitude de actos que se estenderán durante toda a semana. Así, mañá domingo a Praia de Peralto e o Paseo de Beiramar acollerá unha festa infantil con inchables, xogos populares e pintacaras e o propio luns, ás 21.00 horas o Mago Teto fará as delicias de pequenos e maiores na súa actuación na Praza do Corgo.
A todo isto engádese un espectáculo infantil da Tropa de Tropa o martes 26 na Praza de Arriba, a proxección do documental “Castelao e os irmáns da liberdade” na rúa Hospital o mércores ás o concerto do grupo Habelas Hainas na programación dos xoves musicais e o peche a cargo de Uxía e Narf quen traerán ao Grove o espectáculo “Baladas da Galicia Imaxinaria” o 31 de xullo na Praza do Corgo.