Publicada da Bolsa de Emprego do Concello do Grove
Fecha: 2016-08-02
Segundo o compromiso electoral do Grupo de Goberno, iníciase un novo procedemento que permitirá unha contratación máis obxectiva, transparente e eficaz.
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe a Bolsa de Emprego do Concello do Grove. Trátase de dúas bolsas, unha de carácter xeral e outra específica para a contratación de persoal de cara a Festa do Marisco.
O seu funcionamento, como xa se explicou en reunións veciñais, consiste en que as persoas interesadas nalgún dos postos de traballo do Concello poderán inscribirse naquelas figuras ou ocupacións que lles interese (peóns, condutores, albaneis, limpadores, varredores, fontaneiros, auxiliares de cultura ou turismo, etc.) realizarase unha baremación dos seus méritos –segundo os criterios publicados na bolsa– e pasarán a formar parte da correspondente lista.
Cada vez que o Concello precise un traballador ou traballadora no referido posto, chamarase á persoa que lle corresponde por lista. A inclusión na bolsa e posteriormente na lista non supón a contratación inmediata, senón que esta se realizará cando xurda a necesidade.
Deste xeito permítese unha contratación moito máis rápida, feito que é moi positivo para cubrir, por exemplo, posibles baixas, e tamén máis obxectiva, xa que as persoas que se atopen na lista saberán o posto que ocupan. A transparencia neste procedemento parte da existencia dun baremo recollido no texto das bases que puntúa por méritos medibles e obxectivos.
O Concello do Grove incide na importancia de que as persoas interesadas procedan a realizar a inscrición no prazo dos quince próximos días (a partir de mañá) xa que esta bolsa terá validez para os vindeiros dous anos.
Festa do Marisco
Esta bolsa de emprego atende tamén unha antiga demanda da veciñanza do Grove poñendo en marcha contratos laborais para a Festa e evitando, deste xeito, a participación nela como voluntarios. Debe incidirse que non haberá outro procedemento posterior polo que resulta de grande importancia que as persoas interesadas en traballar durante a Festa deste ano deberán inscribirse nestes quince días na bolsa específica desta.
Na Bolsa da Festa do Marisco solicítanse limpadores, montadores para electricidade e carpinteiría, axudantes de cociña, cociñeiros, responsables de almacén, caixeiros e persoal de atención ao público.
Pode consultal e/ou descargar o texto íntegro publicado no BOP premendo nesta ligazón>