As Escolas de Verán visitan a biblioteca
Fecha: 2016-08-08
175 rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos realizarán visitas á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey para achegarse á lectura tamén no verán.
Un ano máis os participantes na Escola de Verán que organiza o Concello do Grove realizarán visitas á biblioteca municipal para coñecer de primeira man as súas instalacións e gozar de sesións de contacontos e actividades diversas con libros.
A partir de mañá martes comezarán as visitas que se organizarán por grupos de idades. Así, os primeiros en acudir serán os nenos e nenas de catro anos, mentres que os de cinco farano o xoves 11. O resto de grupos dividirase entre as dúas próxima semanas.
Na biblioteca serán recibidos polo persoal para explicarlles, a través de diferentes xogos, o que é unha biblioteca, os diferentes tipos de biblioteca que existen, os materiais que poden atopar nelas, os servizos e actividades que ofrecen e as normas e usos. Posteriormente haberá sesión de contacontos a cargo do propio persoal da biblioteca.
Ademais disto, organizaranse diferentes actividades de animación á lectura, xogarán con contos e historias e deixarase un espazo de tempo para que nenos e nenas, acompañados dos seus monitores, poidan gozar cos libros da sección infantil.
Moitos libros no verán…
Ademais destas actividades, as maletas viaxeiras da biblioteca visitarán o campamento durante estes meses cargadas con libros de literatura infantil e xuvenil para traballar semanalmente con axuda dos monitores.
Esta visita súmase a outras que xa tiveron lugar nas bibliotecas durante o mes de xullo coa rapaces e rapazas do Mecos Summer Camp e o Campamento de Primaria do Centro de Estudos de San Vicente. Durante o verán, o Concello organiza actividades de dinamización lectora a través de diferentes sesións de contactos e a proxección de películas e documentais na rúa.