O Concello do Grove pon en marcha as actividades extraescolares do curso 2016-2017
Fecha: 2016-09-12
O prazo de inscrición comezará o luns, 19 de setembro.
O Concello do Grove acaba de pechar o programa de actividades extraescolares para este ano escolar. Deste xeito os rapaces e rapazas do Grove poderán asistir a natación e a programa de Coñecendo e gozando da biblioteca. As prazas para ambas as actividades son limitadas, polo que será preciso realizar a inscrición biblioteca municipal a partir do luns 19 de setembro en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas.
As clases de natación desenvolveranse na piscina de Cambados e teñen como obxectivo que as nenas e os nenos, ademais de aprender a nadar, tamén obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social. Organizaranse dous grupos, un os martes de 17.00 a 17.45 horas e outro os venres de 16.15 a 17.00 horas. Un autobús contratado polo Concello para este fin sairá desde O Grove para trasladar a rapazada ata a piscina, coa novidade de que este ano se engade unha parada nas Bizocas co fin de facilitar aínda máis o traslado das nenas e dos nenos que desexen participar.
A actividade Coñecendo e gozando da biblioteca, que comezará no mes de novembro, está dirixida á rapazada de educación infantil e primara e terá lugar todos os venres na biblioteca municipal do Grove. Estes obradoiros de animación á lectura pretenden espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura, experimentar a biblioteca como unha contorna máxica de encontro cos libros e coas outras nenas e nenos e establecer un primeiro contacto cos libros dun xeito lúdico e facilitando o xogo. Quen asistenta atopará cada semana actividades de carácter pedagóxico, obradoiros lúdicos, animacións, xogos e traballos manuais axeitados ás súas idades.
Escola de Música
Lembramos que, ademais das anteriores, o Concello oferta clases de música na Escola de Música Municipal José Silva Torres. Esta escola dispón dun plan de estudos que coordina a formación musical orientada cara á profesionalidade, á apreciación musical e á práctica instrumental. Isto quere dicir que todo o estudantado será inscrito en grupos do seu nivel, o máis homoxéneos posibles na idade, e orientados cada un ao instrumento que se adecúe ás súas capacidades, feito que é fundamental para o seu desenvolvemento musical posterior. Tamén se teñen en conta, dada a súa importancia de cara á evolución do alumnado, as actividades grupais, como o coro e a banda. O prazo de inscrición para a escola está aberto desde o 9 de setembro ata o 27 deste mes no edificio administrativo municipal, situado no número 3 da rúa Alcalde Xacobe Barral do Grove.