Cinemas de Galicia volve ao Grove con ‘9 ondas’
Fecha: 2016-09-29
O director do filme, Simone Saibene, será o encargado de presentar esta nova sesión de cinema.
Logo da boa acollida das cinco fitas exhibidas antes do verán polo Concello do Grove dentro do circuíto dos Cinemas de Galicia, a actividade cinematográfica volve ao Grove este domingo coa segunda quenda de proxeccións deste programa. Nesta ocasión será a quenda para 9 ondas, unha longametraxe de ficción dirixida polo italiano residente en Ourense Simone Saibene, finalista nos premios Mestre Mateo de 2014 e rodada integramente en O Grove e Pontevedra (incluíndo, por suposto, a praia da Lanzada). Trátase dun dos primeiros filmes españois en ser enteiramente producido mediante crowdfounding (financiamento colectivo, con achegas voluntarias de máis de 200 persoas).
Neste segundo período da programación, a carpa institucional multiusos instalada na praza do Corgo acollerá as proxeccións, que serán sempre en domingo ás 19.00 horas cun prezo único de entrada de 3 euros. Ademais de 9 ondas (2 de outubro) exhibirase a película infantil Mainiño e o espello máxico, de Ernesto Padrón (23 de outubro); o documental Arraianos, de Eloy Enciso (30 de outubro); o filme Encallados, de Alfonso Zarauza (6 de novembro) e xa para rematar outra cinta de animación, Meigallos, de Virgina Curiá (20 de novembro).