O Concello do Grove celebra o Día Internacional da Biblioteca
Fecha: 2016-10-21
O Concello do Grove, a través da Rede de Bibliotecas, celebra o 24 de outubro o Día Internacional da Biblioteca. Para esta conmemoración organizáronse actividades de animación á lectura e entretemento durante toda a semana. A programación prevista comezará o vindeiro sábado 22 de outubro, ás 11.30 horas, co contacontos As historias do Kamishibai na Axencia de Lectura de San Vicente. Así mesmo, o venres 28 ás 18.00 horas os ratos de Lonxedetodo visitarán a biblioteca municipal do Grove cun novo espectáculo de contacontos teatral titulado Paxariños a cargo de TrinkeTrinke teatro. En ambos os casos é precisa inscrición previa na propia biblioteca ou no Facebook.
s destes contacontos, durante a semana as actividades de animación trasladaranse ás bibliotecas dos centros educativos grazas á colaboración das bibliotecas municipais e as escolares. O persoal da Rede de bibliotecas do Grove desprazarase ata as bibliotecas dos centros escolares para amosar o seu funcionamento e realizar diferentes actividades.
Para rematar, o sábado 28, de 20.00 a 00.00 horas, celebrarase a segunda edición da Noite de meigas curuxas e bruxas na biblioteca municipal do Grove, actividade dirixida á rapazada de 10 a 12 anos con obradoiros, contos, xogos e sorpresas. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa.
Calendario de actividades nos centros educativos:
- Luns 24 de outubro, 12.00 h no CEIP Rosalia de Castro, co alumnado de 5º de educación infantil.
- Martes 25 de outubro, 11.40 h no CEIP As Bizocas, co alumnado de educación infantil
- Xoves 27 de outubro, 12.40 h no CEIP Valle-Inclán, co alumnado de 4º de primaria
- Venres 28 de outubro, 9.00 h no CEIP Conmeniño, co alumnado de educación infantil