Comezan as clases de ESO para adultos
Fecha: 2016-11-09
Complétase a matricula para a formación regrada de adultos subvencionada polo Concello.
Son 43 as persoas inscritas para participar nas clases de ESO adultos que comezaron este luns, 7 de novembro. Trátase dunha cifra moi elevada que superou as previsións establecidas polo Concello e que deixa clara a necesidade deste servizo. Deste xeito foi preciso establecer tres grupos que acudirán en tres quendas: unha de mañá e dúas de tarde. Do total das inscricións, 39 fixérono para a preparación das probas libres e só 4 se acolleron á opción da semipresencialidade.
En canto aos grupos, 17 persoas conforman a quenda de mañá os luns en horario de 10 a 11.30 horas, 13 no primeiro grupo da tarde (luns e martes de 20 a 23 horas) e 13 no segundo (mércores e xoves de 20 a 23 horas). Nas clases abordarase a formación nos ámbitos establecidos na ESO: científico-tecnolóxico, de sociedade e comunicación.
A asistencia a estas clases permitirá que o alumnado poida contar coa preparación necesaria para presentarse ás probas que lle permitirá obter o título de graduado en ESO. O Concello faise cargo dos custos das clases que se impartirán en academias locais.