Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello continúa coas actividades de conmemoración do centenario de Manuel Lueiro Rey

Fecha: 2016-11-14

 

Nestas semanas desenvolveranse nos colexios do Grove os contacontos que narran a vida do escritor fillo adoptivo do Grove.

 

O Concello do Grove continúa coas actividades de conmemoración do centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey. Nesta ocasión trátase do contacontos ilustrado Manuel Lueiro Rey, a cargo da compañía Polo correo do vento, que percorrerá os centros educativos da vila durante o mes de novembro co obxectivo de dar a coñecer a figura e a obra de Manuel Lueiro Rey entre os máis pequenos.

 

O pasado martes foi o CEIP Valle-Inclán que inaugurou este ciclo e o vindeiro 21 de novembro o contacontos chegará a CEIP As Bizocas e ao CEIP Rosalía de Castro, mentres que o 22 de novembro será a quenda para CEIP Conmeniño.

 

Cada actividade dos Contos Ilustrados dividirase en tres bloques e desenvolve unha temática didáctica na que se procura dar a coñecer e poñer en valor a figura do noso escritor máis universal e da súa obra. Durante o primeiro bloque, Enrique Mauricio relata, de xeito oral, unha historia na que mestura diferentes personaxes protagonistas das obras de Lueiro (Non deberían medrar, Manso, e O sol na crista do galo) con anécdotas da súa vida. Durante a narración, Carlos Taboada realiza unha ilustración mural vinculada ao texto narrado. Comeza a continuación unha “rolda de prensa” guiada polos autores na que os rapaces interaccionan co conto e co debuxo. A actividade remata cun obradoiro de ilustración durante o cal toda a rapazada debuxa a caricatura de Manuel Lueiro.