Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Colexio Rosalía de Castro acolle desde hoxe a exposición “O Grove no Camiño de Santiago”

Fecha: 2016-12-05

 

 

A exposición inaugurada durante a Festa do Marisco ponse á disposición dos centros escolares do Grove para que o seu alumnado coñeza algo máis da súa vila.

 

A exposición posta en marcha durante a Festa do Marisco, centrada en dar a coñecer as dúas rutas xacobeas que cruzan a península meca (A Ruta do Padre Sarmiento e a Ruta Marítima) converteuse en mostra itinerante iniciando a súa andaina no colexio Rosalía de Castro, onde estará á disposición do alumnado durante un mes.

 

A exposición está composta por paneis explicativos onde se narra cada unha das etapas da Ruta do Padre Sarmiento, deténdose nas lendas e historias locais dos lugares por onde pasa. Deste xeito, as dez paradas desta ruta polo Grove son a desculpa para coñecer a orixe do istmo da Lanzada, da etimoloxía do Grove, as lendas de piratas en San Vicente, a chegada da industria da salga, a lenda do Meco, a da barca de pedra e incluso historias vencelladas co mar e a pesca na vila. Ao rematar a Ruta Padre Sarmiento pode realizarse un percorrido polos cruceiros que conforma a Ruta Marítima de Arousa.

 

Esta exposición serve para que os escolares da vila aprendan algo máis do seu municipio e tamén coñezan as rutas vinculadas ao Camiño de Santiago que están en marcha no Grove, sendo fundamental para o seu desenvolvemento turístico que a veciñanza valore os recursos existentes. Para a posta en marcha da mostra foi fundamental o traballo dos profesores e profesoras do centro que se encargaron da montaxe da mostra nos corredores e espazos comúns do colexio.