Comeza a desmontaxe da carpa institucional
Fecha: 2016-12-05
O espazo efémero que o Concello mantivo desde a Festa do Marisco acolleu nestes meses máis de 30 actividades cunha media de 200 persoas de público.
No día de hoxe comezou a desmontaxe da carpa institucional da praza do Corgo por parte da empresa concesionaria. Os traballos prolongaranse tan só un par de días para retirar a estrutura de vinte por corenta metros que fixo as funcións de espazo cultural e deportivo durante estes meses.
O auditorio, con 480 prazas dispoñibles, estivo ocupado desde o mes de outubro con sete obras teatrais, sete concertos e oito proxeccións de cine, documentais e curtametraxes. Tamén houbo sitio para tres entregas de premios e unha festa de Samaín. Ademais disto, a carpa serviu para tres actividades deportivas (remo-ergómetro, ximnasia rítmica e baile) e acolleu dúas exposicións. A toda esta programación engádense ensaios e reunións de asociacións e colectivos que tiveron este espazo á súa disposición.
Entre as actividades con maior público están os concertos, que encheron a totalidade do espazo, sendo minoritaria a asistencia ao cine. Tamén é subliñable que as actividades infantís adoitan ter maior acollida que as destinadas ao público adulto. O orzamento que o Concello ten destinado á programación deste espazo rolda os 7.000 euros, engadíndose o iso os gastos de material técnico, o de aluguer da carpa e de horas extras de persoal municipal para atender as actividades. Neste tema foi fundamental a colaboración das asociacións e colectivos culturais do Grove, que permitiron dinamizar aínda máis a carpa. A experiencia, xa iniciada no ano 2015, resulta positiva a pesar das limitacións materiais do espazo. Deste xeito, o Concello valora repetir e incluso prolongar esta opción no vindeiro ano, buscando mellorar aspectos como a calefacción ou a accesibilidade ás gradas.