O Concello do Grove pon en marcha actividades de dinamización lectora dentro da celebración do Día da Muller
Fecha: 2017-03-16
As actividades están en marcha desde o oito de marzo e prolongaranse durante todo o mes.
Co gallo da celebración, o pasado 8 de marzo, do Día Internacional da Muller, o Concello do Grove vén de poñer en marcha un amplo programa de actividades que se estenderán ata o mes de abril. Acompañando estas proposta tamén se contemplan actividades para promover a igualdade a través das bibliotecas e a lectura.
Deste xeito, a Rede de Bibliotecas do Grove acolle unha exposición bibliográfica, ten elaborado de guías de lectura vencelladas co fomento da igualdade a ademais de traballar neste tema nos obradoiros en marcha. Tamén se organizou unha pequena homenaxe a “Las Simsombrero”, as mulleres esquecidas da Xeración do 27.
Na biblioteca municipal xa está á disposición dos usuarios e usuarios a exposición bibliográfica que amosa unha selección das recomendacións do mes con lecturas que abordan claramente o valor da igualdade e a importancia do traballo posto en marcha por mulleres, indicando lecturas para as diferentes idades. Así mesmo, ao longo de todo o mes realizarase recesións de lecturas coeducativas a través das redes sociais.
No referido á exposición de “Las Sinsombrero”, esta pretende ser unha homenaxe ás mulleres esquecidas da Xeración do 27. Mulleres de gran talento que entraron sen complexos no mundo artístico e influíron de xeito decisivo no pensamento da época, pero que a historia se empeñou en obviar: María Zambrano, Maruja Mallo, Rosa Chacel, Concha Méndez, Marga Gil Roësset, María Teresa León, Ernestina de Campourcín, Josefina de la Torre, Margarita Manso e Ángeles Santos contan con seu espazo nesta mostra.