O Concello do Grove xa conta con trampas ontra o picudo vermello
Fecha: 2017-03-31
A Xunta de Galicia acaba de colocar estas trampas en terreos comunais para loitar contra a praga que afecta as palmeiras.
A Xunta de Galicia foi a encargada de colocar trampas específicas contra o picudo vermello no concello do Grove, concretamente en terreos pertencentes a Comunidade de Montes de San Martiño que ten autorizado esta actuación.
Trátase de trampas que se colocan co fin de atrapar aos posibles exemplares desta especie que se acheguen ao municipio, tendo en conta que xa se ten detectado a súa presenza en Sanxenxo (coa morte de dúas palmeiras) e que estes días se procederá á retirada de dúas na Illa da Toxa, onde se confirma a existencia do picudo.
As trampas foron orientadas na dirección en que o insecto pode aparecer e cada semana o persoal da Xunta será o encargado de comprobar se caeron nelas, realizando un censo que clasifica os exemplares en macho ou femia e poder así realizar estimacións sobre a súa distribución e alcance.
Debe lembrarse tamén que o período de poda das palmeiras xa finalizou e que non poderán facerse podas ata decembro, xa que calquera actividade deste tipo pon en perigo as propias palmeiras, pois supón un forte atraente para este coleóptero curculionoide. Desde o Concello do Grove solicítase aos propietarios que presten atención a esta praga que pode traer graves problemas e custos se as palmeiras non son adecuadamente tratadas.