O Concello do Grove, novo membro do Consello de Goberno da Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais
Fecha: 2017-04-11
Só dous municipios da provincia de Pontevedra forman parte do Consello, o Grove e Catoira.
O pasado sábado 8 abril do 2017, ás 12.00 h, no Auditorio Municipal de Caldas de Reis tivo lugar a Asemblea das Seccións de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais, onde o Concello do Grove entrou a formar parte do Consello de Goberno desta entidade.
Na mesma asemblea tratouse o Plan de actuación 2017-2018, onde se presentaron diferentes actuacións entre as que se atopan a captación de novos socios —na actualidade a asociación está formada por oito municipios—, tamén se abordaron fórmulas de dinamización demográfica do medio rural vencelladas ao termalismo e sobre o fomento da industria de envasado de auga e cosmética.
O Concello do Grove forma parte desta sección desde o ano 2006 e a súa participación nela afonda no interese e importancia da Illa da Toxa como destino termal de referencia histórica e de calidade, feito que resulta crucial neste momento.