Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Teresa González Costa presentará o seu último libro no Grove

Fecha: 2017-07-18

O vindeiro mércores a Sala das Cunchas do Concello acollerá a presentación de Fred Quincalla, o nómade do mar.

 

A grovense Teresa González Costa presenta na súa vila o seu último traballo. Trátase da novela infantil Fred Quincalla, o nómade do mar, unha obra á que acompañan as ilustracións de Marina Seoane. Este relatoa é unha das moitas historias de Leopolda Diéguez, “narradora e facedora de artes máxicas”, e narra como esta escritora se atopa co Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista e fuxitivo da inxustiza. Desde entón os dous viaxan xuntos no barco de Leopolda, dando espectáculos musicais en cada lugar ao que chegan e disfrazados para pasaren inadvertidos, xa que un rei e unha duquesa andan tras deles.

 

No acto de presentación, que terá lugar na Sala das Cunchas ás 20.00 horas mañá mércores, estará presentes o editor de Xerais, Manuel Bragado, e a concelleira de Turismo e Cultura, Emma Torres.

 

Teresa González Costa

 

Teresa González Costa é licenciada e Filoloxía inglesa e italiana pola USC e conta co Diploma de Estudos Avanzados no programa de Teoría da Literatura e Teoría Comparada. Preparou o seu Terceiro Ciclo en Turín, Borgoña e Xénova, especializándose no viaxeiro Nicolas Bouvier. Desde o ano 1993 formou parte de compañía teatrais e fixo cursos de dramaturxia con Jean-Luc Lagarce, ademais de traballar como guionista de teatro radiofónico para o programa cultural Radio Cité. Tamén participou como actriz con La Comédie de Genève en varias obras.

 

No eido da escrita, no ano 2004 recibiu unha mención especial no Premio Barriga Verde de teatro para marionetas co texto Canun digas Narice e no 2005 quedou finalista no Premio Rafael Dieste con Alén das Brumas. En 2008 acadou o premio Álvaro Cunqueiro con Sempre quixen bailar un tango e o Premio Manuel Maria con Pingueiras e Tarteiras. Xa en 2010 recibiu o premio Merlín pola novela A filla do ladrón de bicicletas e en 2012 o Frei Martín Sarmiento pola mesma obra. Teresa tamén se ten adentrado na narrativa, publicando a súa primeira novela, Os santos nunca dormen, no ano 2014.