Os Xoves Musicais achegan ao Grove a música de fusión cubana da man de Reyner Aldana
Fecha: 2017-07-20
A segunda cita dos xoves musicais deste verán presenta o músico cubano ReynerAldana.
Hoxe xoves ás 21.00 horas a praza do Corgo acollerá un novo concerto dos Xoves Musicais que son xa cita obrigada nos veráns do Grove. Nesta ocasión será o músico Reyner Aldana o que achegue ao escenario “Fusión Cubana”.
Reyner é nacido na Habana e criado no barrio Nuevo Vedado, comeza na música cubana coma percusionista aos 14 anos e co paso do tempo comeza a ter interese pola guitarra da man do seu irmán maior, tamén músico. Aos 17 anos empezou a tocar o baixo nunha banda formada por un grupo de amigos. En 2003 funda, como baixista, a banda MATE presentándose a diferentes festivais e tocando en locais por todo o país. Ten acompañado a diferentes artistas cubanos como Frank Delgado, Eric Méndez, Ray Fernández e Raúl Torres, gravando nos seus discos e producindo o primeiro disco de Ray Fernández (Paciencia). Anos máis tarde interésase pola canción, e leva ao cabo o seu proxecto en solitario, formando parte da nova xeración de trobadores cubanos. Na súa música atópanse ritmos africanos, pop rock, funk, bolero e ás veces sonoridades electrónicas, sempre aderezado con bo gusto e raíces cubanas.
Precisamente esa música fusión será a que Aldana ofreza ao público do Corgo este xoves. Lembramos que os xoves musicais continuarán as vindeiras semanas con artistas locais e visitantes como Fla-Meco, os Amigos do Acordeón das Rías Baixas, Sheila Patricia, La Pistola del Manco e Cinco en Zocas. Ademais, tamén haberá música nas fins de semana, tentando así ofrecer unha ampla oferta para todo tipo de públicos e gustos.