Concello e Xunta chegan a un acordo para melloras en vías de titularidade autonómica
Fecha: 2017-07-24
O alcalde reuniuse o pasado xoves co delegado provincial da Xunta con carácter urxente.
A reunión que tivo lugar a mañá do xoves con carácter urxente entre o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, serviu para que se recollesen varios compromisos por parte do ente autonómico. Deste xeito informouse de que se procederá ao asfaltado da estrada autonómica entre A Lanzada e San Vicente do Mar durante o mes de setembro, solicitándolle ao Concello que marque a situación dos pasos de peóns e lombos que se consideren necesarios para o seu estudo.
Tamén se indicou que se asume a necesidade de realizar un repaso no relativo á limpeza da maleza, se ben, unha vez máis, se considera necesario acometer a limpeza máis a fondo durante o mes de setembro. Nese mesmo mes tamén está prevista colocación do semáforo de pulsador en Xoán XXIII, no punto acordado cos veciños e veciñas.
Un punto especialmente importante da reunión foi o relativo ao barrio de Ardia polos problemas que o asfaltado realizado nas pasadas semanas pola Xunta ten provocado. A este respecto, o delegado da Xunta comprometeuse a que nos vindeiros días se realizará un “varrido” da zona para a retirada definitiva da grava solta. Porén, no relativo aos ruídos que provoca o novo material empregado, tense reiterado a necesidade de realizar máis medicións, xa que desde a Xunta de Galicia indican que este non supera os límites establecidos.
Desde o Concello do Grove valórase positivamente ter iniciado un diálogo que vai acompañado de certos compromisos para resolver os problemas dos espazos xestionados polo Goberno autonómico, pero seguen a ser necesarios máis avances e, sobre todo, unha maior constancia no mantemento e limpeza. O alcalde do Grove incide no feito de que o Concello do Grove é un municipio turístico que nestes meses está recibindo milleiros de visitantes, polo que o problema que a falta de coidado das estradas da Xunta provoca para os veciños e veciñas verse agravado por lles trasladar unha mala imaxe do Grove e de Galicia aos turistas que visitan esta zona.