Tincho Fernán ofrece mañá un concerto na Praza do Corgo
Fecha: 2017-08-17
O músico uruguaio presentará o seu último disco a partires das 21.00 horas.
O músico uruguaio, natural de Montevideo, Tincho Fernán actuará mañá venres na praza do Corgo dentro da programación cultural do verán. Martín Fernández “Tincho” conta cunha ampla experiencia no mundo da música con orixes na murga e o candombe que coñece desde a infancia. No seu país de orixe compartiu escenario con grandes figuras da música uruguaia. Como percusionista ten participado en varios proxectos como Candombe al óleo e Llave 13. Desde 2007 trasladouse a España onde se suma á formación Arkanos como percusionista.
En 2008 forma o grupo Maloserá, no que comeza a interpretar temas propios, iniciativa que desembocará no seu proxecto actual e máis persoal: Tincho Fernán. Co seu propio nome grava o seu primeiro disco “Por el camino”, producido por Javier Abreu e no que Many Moure (Toreros Muertos) xoga un papel fundamental, tanto polas súas achegas musicais como polo apoio ao proxecto, ademais de contar coa colaboración de músicos galegos.
En 2015 grava o seu segundo disco, lanzando o seu primeiro single “Trotamundo” e comezando unha xira que o leva por Miami, Montevideo e Bos Aires. Pronto estrea novas cancións xunto a Suso Feixón (batería), Federico Welicki e Nuria González (coros). Finalmente, o disco “Nunca es demasiado tarde” conta coa colaboración de Guillermo Gagliardi, Diego Pacheco, Eladio Santos, Pablo Novoa, Lorenzo Bo, Juanma Ons, Carlos Gil e Andres Cunha.
Mañá venres, realizará un percorrido por esta ampla experiencia musical na Praza do Corgo a partir das 21.00 horas.