O Concello do Grove adxudica as carpas, a cafetería e a tenda de artesanía da Festa do Marisco
Fecha: 2017-09-14
A mesa de adxudicación reuniuse onte ás 13.00 horas na Sala de Xuntas do Concello.
Como vén sendo habitual desde hai dous anos, o Concello do Grove puxo en marcha nas últimas semanas os procedementos de adxudicación dos distintos servizos externos da Festa do Marisco. Deste xeito a mesa de adxudicación constituída no día de onte procedeu a apertura dos sobres para a concesión das carpas que acollerán o desenvolvemento da Festa do Marisco, do servizo de cafetería e da tenda de artesanía.
No referido ás carpas, tan só unha empresa presentou oferta, levando a concesión por 61.795 euros máis IVE. Lembramos que este servizo saía a concurso por 75.000 euros, sendo requiridas ofertas á baixa. Deste xeito a montaxe das carpas poderá iniciarse na vindeira semana. En segundo lugar, a denominada Carpa Cafetería, á que concorreron tres solicitantes, foi adxudicada á maior oferta, situada en 4.065 euros máis IVE, e finalmente a Carpa de Artesanía, á que concorreu unha única oferta ao existir unha segunda extemporánea, foi adxudicada por 3.000 euros máis IVE. Debe terse en conta que o Concello variou o sistema de adxudicación incluíndo o custo da carpa por conta do adxudicatario.