Cinemas de Galicia volve ao Grove esta fin de semana
Fecha: 2017-09-14
As sesións desta segunda quenda comezan o domingo con ‘Baixo a area’.
O programa de Cinemas de Galicia continúa no Grove despois da pausa do verán. Trátase da segunda quenda do ano que incluirá cinco filmes de produción galega ou europea. Neste caso a primeira das proxeccións realizarase este domingo ás 19.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey coa premiada película “Baixo a area (Land of Mine)”. A vindeira semana continuarase tamén na Casa da Cultura con “Touro”. O 1 de outbro proxectarase no mesmo espazo e á mesma hora “Eu, Daniel Blake”.
Despois destas primeiras proxeccións, o programa descansará para volver logo da Festa do Marisco con sesións na Carpa Institucional o 5 de novembro e o 3 de decembro. Nesas datas están previstas as películas “Psiconautas. Os nenos esquecidos” e “100 metros”. A entrada de todos os filmes ten un prezo de 3 euros.
O programa Cinemas de Galicia é posible grazas á colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Agadic creou en 2014 unha rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica coa finalidade de incrementar o número de pantallas da Comunidade, como opción de distribución dos filmes galegos máis recentes. O programa comezou en catro concellos chegando este ano a nove, estando O Grove entre eles. Deste xeito Allariz, As Pontes, Bueu, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz, Ortigueira e O Grove téñense convertido en lugares onde o público ten a oportunidade de gozar en pantalla grande dunha escolma de filmes que, malia a súa contrastada calidade, non son doados de atopar en circuítos comerciais.