Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Avance da Festa do Marisco 2010

Fecha: 2010-08-06

 

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e o concelleiro de Turismo, Jorge Olleros, presentaron onte nunha rolda de prensa un avance da programación da XLVII Festa do Marisco, que se desenvolverá do 1 ao 12 de outubro deste ano.

 

Máis actuacións musicais e a ausencia do Simposio de Escultura, que a partir de agora será bianual, son as novidades máis salientables.

 

No tocante ao Simposio de Escultura, o Grupo de Goberno pretende reducir a cantidade para gañar en calidade, reducindo tamén de cinco a tres o número de participantes e tentando traer escultores invitados de certo renome. Outro aspecto que os animou a tomar esta decisión, alén do elevado custo que supón manter o carácter anual do certame, foi a importancia de realizar unha reflexión respecto de onde colocar o inxente número de esculturas que se foron acumulando co paso dos anos. Porén, o alcalde quixo deixar claro que non se trata de reducir, senón de ampliar en calidade e destacou a pretensión do Goberno local de que a escultura en pedra se vaia intercalando pouco a pouco con outras manifestacións artísticas, como a pintura, a fotografía, a talla en madeira ou mesmo o graffiti.

 

No que se refire á música, esta comezará xa o día 1 de outubro coa Gala da Festa do Marisco, presentada polo actor meco Rubén Mascato, e na que actuarán a eurovisiva Soraya, o grupo Santa Fe e María López, finalista do programa de televisión Factor X. A seguir, subirá ao escenario o grupo arousán Cornelius, con David Chiquillo á fronte.

 

Ao día seguinte actuará no recinto da festa o Grupo Punto Cero.

 

A música tradicional dos grupos da localidade estará representada por Cantodorxo e polo Festival Paradanda-Mecos, que terá lugar o día 3 de outubro, por primeira vez durante esta festa.

 

O xoves 7, Emgrobes promoverá o desenvolvemento dunha xornada gastronómica, que este ano xirará en torno ás algas.

 

O venres día 8 actuará no recinto da festa a banda pop-rock gaditana Melocos.

 

O sábado 9 de outubro, o grupo Prisma fará unha dobre actuación: pola tarde na Praza de Arriba e pola noite no Corgo. A continuación, e no mesmo recinto, terá lugar a tradicional Noite Meiga e a Gran Queimada.

 

O domingo 10 de outubro haberá unha festa dos anos 60, 70 e 80, que animará o grovense Javi Solla.

 

Finalmente, o luns día 11 o grupo pop-rock granadino La Guardia porá o final de festa musical.