O Concello do Grove realiza un novo reparto gratuíto de compost e composteiros
Fecha: 2017-11-30
Trátase dunha nova acción dentro do amplo programa de mellora da recollida de residuos do Grove.
Como xa se vén informando, o Concello do Grove ten en marcha un ambicioso plan de mellora da recollida de residuos. Entre outros obxectivos, O Grove pretende conseguir a redución do volume de residuos orgánicos que se recollen na vila, o que suporá, entre outras cousas, a redución dos elevados gastos que, ata agora, supón a recollida deste tipo de materiais. Para ese fin, unha das iniciativas fundamentais ten que ver como posta en marcha de composteiros colectivos e tamén domésticos. A boa acollida deste sistema de reciclaxe levou a que xa fora posible realizar reparticións gratuítas de compost.
Lembramos que o compost é un excelente fertilizante natural, moi aconsellable para as plantas domésticas. Pero ademais destas primeiras reparticións, o vindeiro venres, 1 de decembro entre ás 10.00 e as 13.30 horas realizarase unha repartición de composteiros individuais que poderán ser recollidos de xeito gratuíto por aquelas persoas que se anoten no Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O Concello do Grove contará, de aquí a fins de 2018, con case 1.000 composteiros individuais en vivendas que dispoñan de horta ou xardín.