O Concello do Grove inicia a colocación de lombos nas estradas de San Vicente
Fecha: 2017-12-04
Os primeiros serán instalados en Reboredo e nas Valadas.
Dentro do Plan Móvese da Deputación de Pontevedra, o pasado venres comezou a construción de varios lombos na zona de San Vicente. Trátase de elementos de limitación da velocidade e mellora da seguridade viaria que foran solicitados polo Concello do Grove. Dun xeito máis concreto, nesta primeira fase colocaranse tres. O primeiro deles na zona de Reboredo (a onde se correspondente as imaxes adxuntas) o segundo na zona de baixada a esta mesma zona, pero á altura da área das Valadas. Nestes dous casos trátase dunha elevación de cinco metros de ancho máis dous metros laterais de rampla polo que ocuparán 9 metros de calzada. Os lombos de Reboredo e das Valadas construiranse nestes días de xeito simultáneo.
Posteriormente comezarase coas obras do terceiro dos lombos que se colocará diante da Casa de Cultura Ángel Vázquez Hereder. Neste caso trátase dunha plataforma de case 15 metros que permitirá contar cunha zona elevada xusto en fronte deste equipamento cultural, o que mellorará a seguridade e a accesibilidade da zona. Xunto con estas intervencións, o Plan de Seguridade Viaria no Rural do Concello do Grove contempla outras accións que, neste caso, requiren da colaboración da Deputación Provincial, xa que se trata de actuacións en estradas de titularidade provincial. Dun xeito máis concreto, solicitouse outro lombo na recta de acceso ao núcleo de San Vicente e a colocación dunha rotonda no cruzamento entre As Lampáns e As Bizocas. Ambas as actuacións atópanse pendentes de confirmación.