Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove deseña unha ampla programación para que pequenos e maiores gocen do Nadal na vila

Fecha: 2017-12-14

  

 

As actividades esténdense ata o 6 de xaneiro.

 

O Concello do Grove organizou unha ampla programación de actividades para todas as idades co obxectivo de que todos e todas podan gozar destas festas. O Concello conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra para varias das actividades que son completadas con recursos municipais para ofrecer un amplo calendario que mestura contacontos, teatro, maxia, obradoiros, exposicións, curtametraxes, cine...

 

A programación comezou coa exposición do Concurso de Pintura Ernesto Goday, que estará ata o vindeiro 15 de xaneiro na Casa da Concello, e continúa o vindeiro 16 de decembro cun contacontos musicado para bebés de ata 3 anos a cargo de Magín Blanco.  O domingo 17 de decembro, durante a mañá, o Apalpador achegarase á Aldea dos Grobitts, onde haberá actividades, obradoiros e doces para os cativos que se acheguen a coñecer  este persoeiro do Nadal que recorda tradicións galegas moi antigas.

 

O venres, 22 de decembro celebrarase a tarde en familia na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. A partir das 18.00 horas entregaranse os premios do Concurso de Postais de Nadal e, posteriormente, os asistentes gozarán do espectáculo de teatro, maxia e música O vendedor de fume, a cargo de Teatro Ghazafellos.

 

Tamén o 22 de decembro, a partir das 21.00 horas, a Sala das Cunchas e con entrada libre, os afeccionado ao audiovisual poderán asistir a unha sesión de curtametraxes durante a cal se proxectaran as mellores curtas do ano e o público poderá votar a súa preferida.

 

O sábado 23 de decembro, a partir das 21.00 h, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, os amantes do cine teñen unha dobre cita enmarcada dentro do I Ciclo de Cine Feito no Grove: “O cinema como ferramenta de promoción dun territorio e do talento emerxente”, con Anxos Fazán e Silvia Fuentes, directora e produtora do filme A estación violenta, rodada no Grove. E, a continuación, unha nova proxección do documental A Meca do Cine, de Dunia Álvarez.

 

Tamén a semana próxima comezarán os Obradoiros de Nadal dirixidos á rapazada de 3 a 12 anos e que se desenvolverán na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 9.30 a 13.30. Para participar neles deben facerse as correspondentes inscricións na biblioteca municipal do Grove.

 

O día 26 de decembro, a partir das 17 horas A Apalpadora estará na rúa Castelao para atender a grandes e pequenos a través dunha actividade de divulgación medioambiental organizada pola Deputación de Pontevedra.

 

Para o 28 de decembro está prevista a conferencia do filólogo Vicente Feijoo baixo o título “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” dentro do programa de actividades da Rede de Normalización Lingüística e coa finalidade de comezar un traballo de recompilación dos topónimos en Galicia. A actividade terá lugar na Sala das Cunchas a partir das 20.00 horas.

 

O 30 de decembro a partir das 18.00 h, O Mago Paco achegará ata a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey O Cinematomago, un espectáculo para público familiar que mestura a maxia e o cine presentando distintos clásicos do cine de todos os tempos a través da maxia. Tamén se entregarán os premios aos mellores lectores e lectoras do ano.

 

Papa do Nadal e os Reis Magos

 

Ademais de todo o anterior, tamén hai que sumar as cabalgatas de Papá do Nadal e dos Reis Magos, o 24 de decembro e o 5 de xaneiro, así como a visita do Carteiro Real á casas de cultura do Grove, o día 2 de xaneiro, e de San Vicente, o 3 de xaneiro. A cabalgata de Papá do Nadal saíra desde a Ponte da Toxa, percorrendo as rúas Castelao, da Praza, Beiramar, Luís Casais e Castelao.

 

No caso da cabalgata dos Reis Magos, sairá desde o colexio Valle-Inclán, e o percorrido será polas rúas Tenente Domínguez, Castelao, da Praza, Pablo Iglesias, Praza do Corgo e Beiramar. E ao final da cabalgata haberá unha recepción das Súas Maxestades de Oriente e chocolatada.